Eres igual a ti, y desigual, lo mismo que los azules del cielo.

Juan Ramón Jiménez


miércoles, 5 de febrero de 2025

SONORA de Chus Pato

 

Falar dun libro é un modo de estender a conversa que mantés co libro durante a lectura. Intentareino aquí, aínda que saiba que está cheo de arestas, imposible abranguer todo o que aí se acumula. Fágoo por desexo, tamén porque hai lecturas, como a de Sonora, da que non saes indemne. 

Di Chus Pato que a morte da nai situouna na rompente da estirpe. A morte da nai é o lugar no que a poeta se sitúa fronte as nove ondas que, como ela mesma explica na “nota da autora”, compoñen este libro. Situarse nese lugar, na orfandade, permite á poeta observar a forma, a xeometría completa. Atopei aí un paralelismo con Ararat de Louise Glück, sen embargo, se en Glück advertín unha calculada distancia, un tratamento aséptico da morte do pai, en Sonora a poeta mergúllase (“nese voo compromete a vida”), interpela (“madre, desátate!”), ensaia (poemas coma Desde o sur, entrando pola porta do sur), dislócase (“todos os meus órganos lle ceden un lugar”). O poema pon en tensión a palabra (“unha lingua de lume nos órganos de fonación”) e estoura ( particularmente en A miña cantiga chámase fronteira). Tras el queda un pouso de misterio, incorruptible (“un embrión medra e escoita”). 

Interésame o proceso que levou á poeta a ese lugar que se sustancia en nove ondas. Como quen fai unha cata arqueolóxica, trato de avaliar as capas, o sedimento. Parece un proceso xeolóxico, algo que se artellou con paciencia. Mineral (“pensando nun territorio maiormente granítico”), vexetal (“ás veces, por azar, un pétalo de rosa/resiste na pedra”), orgánico (“así medra o musgo riba de nós”). As múltiples referencias, as alusións, dedicatorias, a anécdota, o xogo. 

Este é un poemario sobre a morte da nai, pero remata con tres poemas dedicados a Alba Cid, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, tres poetas novos. Nada aquí parece fortuito. Non esquezamos que a estrutura de Sonora é a de nove ondas, nove círculos concéntricos. Se a morte da nai sitúa á poeta na rompente da estirpe, tamén nos di noutro poema “o ethos ou punto central é gris /nel converxen todos os radios desta roda que non ten comezo nin final”. Como a lectura de Sonora.

No hay comentarios: