Eres igual a ti, y desigual, lo mismo que los azules del cielo.

Juan Ramón Jiménez


viernes, 1 de diciembre de 2023

Lectura: Ninguén queda de Brais Lamela

 

A semana pasada rematei de ler Ninguén queda, a primeira novela de Brais Lamela. Neste caso, dicir que se trata dunha primeira novela podería inducir a erro, posto que estamos ante unha voz nova, fresca, pero dunha extraordinaria madurez. Aínda que, pensándoo, seguramente sexa lugar común afirmar que unha primeira novela é “sorprendentemente madura” para invocar que non se trata dunha primeira novela máis. 

Deixando isto a un lado, Ninguén Queda cóntanos a historia (en clave autoficción) dun mozo galego que reside en Nova York mentres realiza a súa tese sobre os asentamentos de colonización da Terra Cha, auspiciados pola ditadura franquista na década dos 60 e con carácter de experimento sociolóxico. Persoalmente, descoñecía esta historia, pero unha das cousas que primeiro me chamou a atención é o emprego da palabra “colonización”, a naturalización sistémica dun concepto tan negativo para a nosa mirada presente (no caso de que ti e máis eu sexamos das que intentamos deconstruír a nosa visión eurocéntrica do mundo).

Poderíamos dicir, en base a isto, que existe un fío narrativo principal, que é o que vai desenvolvendo o protagonista no seu camiño para a realización da súa tese, e outro, como unha intrahistoria que é a dos antigos habitantes de Ernes (os novos colonos), de carácter máis científico. Ás veces estes fíos parecen transcorrer alternativamente, pero noutras semellan coincidir nun nó. Creo que isto sucede cando o humano se impón nesa intrahistoria. De feito, hai un momento respecto á investigación doutoral no que sentín que de súpeto estaba ante algo máis, que había algo inesperado agardando que me impelía a avanzar e que o escritor resolve á perfección, pero, sobre todo, con emoción.

Sen embargo, isto que pode entenderse como aparentemente sinxelo, non o é. Un dos grandes temas da novela son os espazos e como os habitamos, algo co que me sinto concernida neste momento vital e convidoume a reflexionar. Durante o seu transcurso o escritor emprega distintos elementos narrativos (cadernos de rexistro, libros, cartas, incluso testemuños gravados e orais) que se van superpoñendo. Nesta novela na que as arquitecturas teñen un papel tan importante gústame pensar que estes elementos funcionan dese modo, como habitacións que se abren, pero non para que vaiamos penetrando (quizais nalgúns casos), senón que nos envolven.

Esta é sen dúbida unha novela cun claro carácter político, tanto pola historia que o narrador escolle para a súa tese, como polas cousas que conta sobre a súa vida cotiá, a precariedade, os pisos compartidos, a migración, a habitabilidade e as persoas (as súas emocións, enfermidades, os afectos), a tribo que fai do hábitat fogar. O caso é que acabei lendo con lentitude as apenas 170 páxinas na súa edición en galego, a cargo de Euseino?,  posto que vanse incorporando conceptos e elementos (sobre todo na súa vertente máis ensaística) que se abren como bifurcacións polas que transitar e provocan reflexións nas lectoras que deixan en suspenso, por momentos, o fío narrativo.

Agora que me poño a contar esta experiencia da lectura, penso que en realidade tamén funciona como un espello entre as distintas épocas e persoas das que se fala. Que a pesar da distancia de anos, esas vidas non son exactamente distantes e que teñen máis elementos en común dos que poida parecer nun primeiro momento. Posto que aquí cadaquén bascula entre o arraigo e o desarraigo. A ese lugar non sei como chamalo. Quizais, as grandes cidades do século XXI tamén nos abocan a ser un modelo determinado de sociedade e nós tamén formemos parte dun experimento sociolóxico que non logramos distinguir, entregadas a este simulacro de liberdade ao que chaman consumo. 

Afortunadamente, a novela tamén nos conta que, ás veces, a man humana é quen de rehabilitar terreos que, en décadas anteriores, a mesma man humana condenou ao baldío. De aí que nesta novela tamén hai lugar para a poesía.

Ninguén queda acaba de publicarse en Castelán como No queda nadie por la editorial Cuatro lunas

No hay comentarios: