Eres igual a ti, y desigual, lo mismo que los azules del cielo.

Juan Ramón Jiménez


viernes, 29 de diciembre de 2023

Lectura: A parte fácil de Ismael Ramos


A parte fácil é a primeira obra narrativa do poeta galego Ismael Ramos. Escoitei a Ismael dicir que escribiu este libro de relatos intentando evitar a interferencia desa faceta de poeta. Sen embargo, penso que esa faceta poética de Ismael -e de tantas poetas que se atreven coa narrativa- contribúe, digamos, a apuntalar a atmosfera das historias. Neste relato as sensacións, os sentidos, dotan de pel ao lector e nos somerxen na lectura. 


Ao meu entender, o tema deste libro de relatos é, fundamentalmente, a incomunicación. A medida que avanzaba na lectura, a imaxe que me acompañaba era a dunhas personaxes dentro dun acuario tratando de chegar, de acceder ao outro, imposibilitadas polo cristal no medio. Nese senso, estes relatos ofrecen un prisma xeracional cuxo nexo é que desenvolven as súas vidas nunha sociedade dixitalizada ( que outra cousa define ás xeracións que o contexto?). Como na era da dixitalización, nunha sociedade hiperconectada, somos máis conscientes de que a incomunicación ten que ver cos nosa imposibilidade de chegar ao próximo. Por iso, quizais, esa imaxe do acuario. Hoxe en día parecera que o diálogo se establece máis facilmente a través dunha pantalla. É iso real ou unha ficción que sostemos para obviar a nosa sensación de soidade? 


Lendo tamén tiven a impresión de tempo suspendido. O pasado funciona como mera explicación, como causalidade, pero non hai unha relación de continuidade, como se as personaxes estivesen fondeadas nese tempo presente. Só no ultimo relato parecera que hai unha ruptura con esa pausa e se vislumbra un futuro. 


A maioría dos relatos son narrados en terceira persoa. Uns poucos en primeira. Sempre de maneira eficaz. Sen embargo, incluso nos narrados en primeira persoa o narrador se sitúa como espectador, non como protagonista. Como se nunca se acabaran de situar no que acontece. Di o propio Ismael que estas son historias sobre personaxes secundarias. 


A amizade, a familia, a precariedade, a morte, a perda, a saúde mental ou o acceso á vivenda son algúns dos temas tratados. Por iso funcionan perfectamente como retrato deste tempo. 


Sen dúbida é un libro que recomendo, sobre a todo ás persoas que gustamos de ler relato. Creo que  é unha boa nova que existan voces como a de Ismael. Podedes ler A parte fácil en galego na edición de xerais en castelán editada por Las afueras e en catalán por Angle editorial. 


Anotación ao marxe: libro sensitivo. Incomunicación. Anestesia e sensación de non estar de todo.





No hay comentarios: