Eres igual a ti, y desigual, lo mismo que los azules del cielo.

Juan Ramón Jiménez


jueves, 20 de junio de 2024

POEMA SOBRE UNHA ÁRBORE ILUSTRADA

 



Marthazul. Óleo sobre papel, 2017


a árbore 

rabuñadura na paisaxe

tacto desfiladeiro da ferida

asunción da ruína previa ao corpo


poderíamos contemplala ao 

esvaecer como 

un hematoma nos xeonllos

os azuis que amarelan para 

integrarse na carne


mais eliximos destruír antes 

que abrazar

a fraxilidade serena das 

cousas


O outro día durante Vilagarcía cidade de libro, Marta Azul e Augusto Metzli agasallaban a quen pasaba polo seu espazo con esta ilustración dunha árbore que medrou na praia da Concha, solitaria, como un trazo único e valioso para quen pousara os seus ollos nela. Recoñecina. Eu tamén fotografei esa árbore (alá por 2019) para, dalgún modo, preservala e compartila. Por unha desas decisións non explicadas de quen ordena estas cousas, a árbore xa non existe e algunhas podemos recoñecer o seu baleiro. Persiste, iso si, na ilustración agarimosa, no recordo agradecido, ou nesta reflexión poética sobre a súa breve existencia e a acción arbitraria do humano.

No hay comentarios: