Eres igual a ti, y desigual, lo mismo que los azules del cielo.

Juan Ramón Jiménez


martes, 5 de noviembre de 2024

TRAS DO CEO. Manuel Rivas





Disque a última obra de Manuel Rivas, Tras do ceo, é unha novela negra. Unha vez lida e desfrutada, paréceme que, máis alá das etiquetas, o que estamos é ante un ecosistema, complexo e diverso, que se vai despregando a través da narración caótica e un tanto salvaxe -como de círculos concéntricos sobre a auga- dun dos personaxes, Dombodán. Pero, a pesar do que poida parecer nalgúns momentos -sobre todo ás impacientes-, esa aparente dispersión na narración, acaba por reconducirse ata precipitarnos nun final de auténtico vertixe. O que converte a esta novela nun exercicio literario soberbio, onde a palabra respira libremente.

Como dicía, o autor emprega a ollada de Dombodán para conducirnos pola historia. Isto sitúanos na posición deste personaxe, xerando unha certa vinculación entre o narrador e quen le. A pesar disto, e moi habilmente, o escritor acaba por someter ao propio Dombodán ao noso xuízo, colocándonos nun lugar incómodo que deixa un certo mal corpo. Pero, non é acaso isto o que debemos exixirlle á literatura? Que nos leve por lugares que, doutro modo, eludiríamos? Porque esta é unha novela que se desenvolve mediante diferentes tensións. Tensións como as que teñen que ver coa confrontación entre o urbano o rural, as da reacción patriarcal fronte o devir feminista, as xeradas por un modelo económico que depreda o territorio e os recursos, ou as resultantes de sometemento da natureza por parte do home- en masculino, si-. Recóllense así moitos dos conflitos aos que nos enfrontamos como sociedade. Nese senso, esta obra ten un carácter notablemente político- palabra tan agredida hoxe en día-. Como en todo ecosistema, existe unha xerarquización: individuos que ostentan o poder e outros que aceptan- ou non- a súa posición de vasalaxe. Convértese así nun relato sobre as formas de exercer o poder e as violencias resultantes dunha concepción patriarcal e capitalista do mesmo. A trata, as violencias sexuais- tamén como forma de escarmentar a quen se rebela-, a corrupción, o asasinato... Fronte a isto, as redes de sororidade que se constitúen nas marxes. Certamente, é nesas marxes nas que percibimos certa luminosidade. Nas mulleres que coidan unhas das outras no Edén. Na maxia como legado que cura e consola. Atopamos luz, tamén, neses personaxes que contan historias e nos ofrecen unha narrativa alternativa á do poder. Porque esta tamén é unha obra sobre contar contos, sobre o saber popular. Un artefacto literario de manifesta oralidade. Atopámonos ante unha novela coral, cuxos personaxes, que poderían parecer arquetipos do noso país, singularízanse a través da anécdota. É aí que se quebra o arquetipo para que se amosen humanos, vulnerables ou ruíns. Son moitas as cousas que se poderían dicir desta novela de apenas duascentas páxinas. Coido que nesta non hai nin un só elemento superfluo, nin coma, nin adxectivo que sobre. Pero, se teño que elixir un conflito dos que a percorren, creo que o que está presente de maneira constante é, precisamente, o que ten que ver coa hexemonía do home respecto da natureza. E isto, conségueo Rivas a través da linguaxe. Unha linguaxe, de propensión poética, que sitúa cada elemento -sexa corvo, xabarín, néboa ou persoa- no mesmo plano. Que impugna esa hexemonía pretendida e imposta polo ser humano e nos obriga a reflexionar sobre a nosa relación co entorno. Lin esta novela sentindo como se ampliaba ante min o territorio da linguaxe, como a palabra se aproximaba ao horizonte do que está por dicir. Á vez, pensaba na necesidade actual dunha literatura consciente que, coma esta, nos incomode, nos cuestione. Desas ficcións das que as lectoras non saímos indemnes.

No hay comentarios: